Ciclo Formativo en Contact Improvisación

Galicia · Curso 2026-2027

Programa de sete módulos residenciais

Principios, fundamentos, somática, técnica e composición: un percorrido que vai desde a escoita do toque ata a creación colectiva.

01 · A proposta

Ciclo Formativo en Contact Improvisación

Entendemos o Contact Improvisación como unha danza, mais tamén como unha práctica somática, relacional, política e compositiva.

Esta formación está pensada como un tecido: cada módulo achega un fío —unha calidade de toque, un principio de movemento, unha exploración anatómica, unha relación coas forzas físicas— que se entrelaza cos anteriores ata construír unha comprensión encarnada e propia do Contact Improvisación.

Durante sete meses investigaremos cinco tecidos corporais —músculo, pel, óso, articulacións e fascia— como portas de entrada a diferentes maneiras de percibir e organizar o movemento.

Non os abordaremos como contidos anatómicos illados, senón como mapas perceptivos desde os que investigar a relación entre corpo, gravidade, espazo e movemento.

Dúas persoas explorando o apoio e o peso compartido en Contact Improvisación
02 · O percorrido

Un percorrido en sete módulos

Cada módulo articúlase arredor de catro dimensións que se entrelazan ao longo de toda a formación:

INVESTIGACIÓN SOMÁTICA
PRINCIPIOS E TÉCNICA DO CI
IMPROVISACIÓN E COMPOSICIÓN
PRÁCTICA RELACIONAL E POLÍTICA

Ao longo da formación iremos pasando da percepción individual ao diálogo físico e, progresivamente, á composición colectiva. Cada módulo recupera o aprendido anteriormente e engade unha nova capa, de maneira que as ferramentas non se acumulan simplemente: relaciónanse, transfórmanse e adquiren novas posibilidades.

Adestramos a percepción, a capacidade de resposta, a conciencia corporal e a capacidade de tomar decisións mentres nos relacionamos co peso, a gravidade, o espazo, o contacto e as demais persoas.

Ao longo do ciclo prestamos tamén atención á pedagoxía do Contact Improvisación: como se constrúe unha proposta, como se transmite e como acompañamos os procesos de aprendizaxe.

03 · Calendario e contido

Descubre o contido de cada módulo

Módulo 1Benvides á casa: toque e presenza28-29 de novembro de 2026

Neste primeiro módulo diriximos a atención cara ao que sucede antes de que o movemento tome unha dirección clara: como chegamos ao encontro, como organizamos o noso ton e que podemos percibir antes de decidir que facer.

Exploramos o músculo como porta de entrada á acción e á dispoñibilidade. Aprendemos a modular o ton e a reducir o esforzo innecesario —facer menos para poder percibir máis—, achegándonos tamén á Pequena Danza e aos microaxustes que sosteñen a nosa verticalidade.

Introducimos o punto de contacto como lugar de intercambio: presión, dirección, movemento, perda e recuperación. Tocamos e recibimos o toque; ofrecemos información e deixamos que a información recibida modifique a nosa resposta, sen necesidade de impoñer un percorrido.

Cultivamos unha atención capaz de incluír corpo, outra persoa e espazo, recoñecendo as nosas necesidades e a posibilidade de modificar, pausar ou abandonar unha interacción.

Que ocorre se, antes de decidir que facer, atendemos ao que xa está sucedendo?

Módulo 2O que nos une: o diálogo coa gravidade19-20 de decembro de 2026+

Neste módulo poñemos a relación coa gravidade e o chan no centro da investigación. O chan funciona como soporte e referencia desde a que observar como organizamos o noso peso e o noso movemento.

Afondamos na relación entre ton, peso e dispoñibilidade. Atendemos ás pequenas oscilacións e reorganizacións posturais da verticalidade, rodamos en solitario e en parella e exploramos diferentes camiños entre o chan e a bipedestación.

Comezamos a dar, recibir e compartir peso de forma progresiva, recoñecendo canto podemos ofrecer, canto podemos recibir e como cada cambio require unha nova organización. Seguimos o punto de contacto durante o desprazamento e introducimos cambios de nivel e inversións sinxelas —situacións nas que a pelve pode viaxar por riba da cabeza— sen converter a acrobacia nun obxectivo.

Investigamos así como gravidade, apoio e peso poden participar activamente nas nosas decisións de movemento.

Que cambia cando escoitamos primeiro o peso e despois a nosa intención?

Módulo 3O que nos separa: a pel como fronteira30-31 de xaneiro de 2027+

Tomamos a pel como punto de partida para investigar os límites do corpo e a súa relación co doutra persoa. Exploramos presión, deslizamento, fricción e diferentes superficies de contacto, afinando a escoita do toque. Practicamos o tránsito entre achegarnos, retirarnos, tocar e deixar de tocar.

O consentimento acompaña esta investigación como un proceso continuo: dicir si, dicir non, cambiar de opinión e recorrer á linguaxe verbal cando sexa necesario. Traballamos a confianza mediante propostas reversibles, nas que podemos avanzar, deternos ou atopar outra posibilidade.

Ampliamos a atención cara á kinesfera —o espazo próximo que podemos alcanzar sen desprazarnos— e observamos como ton, dirección, nivel e orientación organizan a nosa forma. Recoñecemos patróns de movemento e xogamos a repetilos, varialos ou interrompelos para ampliar as nosas posibilidades.

Exploramos tamén o espazo negativo: os volumes entre os corpos e ao seu redor. A atención periférica inclúe parella, grupo e contorna; a forma, a distancia, a pausa e a ausencia de contacto convértense en materiais compositivos.

Como percibimos os nosos límites e a nosa singularidade mentres damos forma a unha danza compartida?

Módulo 4O que nos sostén: momentum e desequilibrio27-28 de febreiro de 2027+

O óso ofrécenos unha entrada cara á estrutura. Neste módulo investigamos estruturas móbiles: organizacións capaces de soster e transmitir cargas mentres se desprazan, articulan e adaptan a situacións cambiantes.

Traballamos apoios, empuxes, traccións, compresións e contrapesos, observando como a organización do esqueleto pode axudarnos a distribuír forzas sen depender constantemente dun exceso de tensión muscular. Diferenciamos soster de bloquear, apoiar de cargar e estabilidade de inmobilidade.

Achegámonos tamén ao momentum: en física, a cantidade de movemento asociada á masa e á velocidade dun corpo; na práctica, unha ferramenta para percibir e aproveitar a continuidade dun movemento xa iniciado. Observamos como gravidade, chan e outros corpos introducen forzas que podemos recibir, transmitir e redirixir.

Desde aí exploramos o desequilibrio como unha situación que non necesita corrixirse inmediatamente: pode converterse en paso, caída, cambio de dirección ou desprazamento compartido.

Como podemos soster sen converternos en estruturas fixas?

Módulo 5O que podemos negociar: ton e dispoñibilidade20-21 de marzo de 2027+

As articulacións son as unións entre os distintos elementos do esqueleto e permiten diferentes graos e direccións de movemento. Partimos desa realidade anatómica para investigar o seu papel nunha estrutura que necesita reorganizarse continuamente.

Exploramos mobilidade e estabilidade, articulación e descomposición do movemento, e a capacidade de transmitir cargas mentres cambiamos de dirección, nivel ou apoio. O ton funciona como unha variable que podemos modular: non buscamos estar completamente relaxades nin permanentemente activades, senón dispoñer de diferentes respostas.

A espiral aparece como ferramenta para conectar segmentos, atravesar planos e organizar transicións. Desde aí afondamos na caída e na recuperación: ceder sen colapsar, distribuír forzas e atopar continuidade cara ao chan e desde el.

Investigamos tamén as diferenzas entre tocar, apoiar, agarrar, traccionar e bloquear.

Finalmente levamos estas ferramentas á relación: dous corpos poden propoñer direccións distintas e atopar maneiras de negociar sen que unha teña que impoñerse inmediatamente.

Como nos reorganizamos cando o que sucede non coincide co que esperabamos?

Módulo 6O que nos atravesa: intuición e voo24-25 de abril de 2027+

Neste módulo utilizamos a fascia como entrada a un traballo táctil máis sutil. Exploramos a mobilidade e o deslizamento dos tecidos baixo a pel, atendendo ás direccións que podemos percibir cando aplicamos unha presión ou unha pequena tracción.

Comezamos coas mans e trasladamos progresivamente esta escoita a outras superficies do corpo. Unha vez recoñecida unha dirección, podemos acompañala ou traballar en oposición a ela e observar que movemento emerxe desa relación. É unha práctica pouco visible desde fóra, mais rica en información para quen a está experimentando.

Levamos esta escoita cara a unha organización máis global do movemento e cara á suspensión e ao voo. Non buscamos o voo como resultado obrigatorio, senón como unha posibilidade construída sobre ferramentas anteriores: peso, estrutura, momentum, caída, apoio e capacidade de recibir.

Traballamos tamén a intuición como intelixencia sensoriomotora: a capacidade de integrar percepción, experiencia e aprendizaxe para atopar respostas adaptativas sen deliberar conscientemente cada decisión.

Que posibilidades aparecen cando afinamos a escoita antes de aumentar a acción?

Módulo 7O que construímos: o corpo colectivo29-30 de maio de 2027+

No último módulo poñemos en relación as ferramentas desenvolvidas durante a formación e seguimos desprazando a atención do dúo cara ao grupo.

Exploramos tríos e estruturas colectivas, o espazo que queda fóra do campo visual e unha mirada periférica capaz de atender simultaneamente a diferentes acontecementos. Traballamos a resonancia como posibilidade compositiva: responder ao que ocorre mediante ritmo, dirección, intensidade, proximidade ou quietude sen necesidade de reproducilo nin entrar en contacto.

Introducimos o witnessing como práctica de observación activa. Observar permite recoñecer relacións espaciais, repeticións, contrastes, ritmos, acumulacións e transformacións que poden pasar desapercibidas mentres bailamos.

Afondamos tamén nos scores: condicións ou acordos que delimitan unha investigación sen determinar de antemán o seu resultado. Entrar, saír, esperar, repetir, contrastar, amplificar, interromper ou deixar espazo convértense en ferramentas de composición.

A improvisación colectiva aparece así como unha práctica de percepción e decisión compartida na que cada acción modifica as posibilidades do conxunto.

Que necesita esta composición agora?

04 · Horarios

Unha fin de semana ao mes, de novembro a maio

Cada módulo é un obradoiro residencial con aloxamento e comidas incluídos no prezo.

Detalle de mans e antebrazos en contacto durante unha práctica de Contact Improvisación
05 · Lugar

A Casa da Terra

Os módulos terán lugar en A Casa da Terra, en Antas de Ulla, no corazón de Galicia. Rodeada de prados e bosques, na ribeira do río Ulla, a casa atópase nunha contorna de gran beleza e profunda tranquilidade que invita a baixar o ritmo e dedicar tempo á escoita, ao movemento e ao encontro. Un lugar onde a natureza acompaña a práctica e o descanso forma parte da experiencia.

Coñece A Casa da Terra ↗
Exterior da Casa da Terra ao anoitecer, coa fachada de pedra e o alpendre iluminados
06 · Equipo docente

Acompañámoste no teu percorrido

Ilda Freire durante unha práctica de Contact Improvisación

Ilda Freire

O meu traballo combina o ensino e a investigación en Contact Improvisación coa terapia manual. Interésanme o movemento, as calidades do toque e as formas en que nos relacionamos a través do corpo.

Ver bio completa

En 2014 mudeime a Pequín. Durante os seis anos que vivín alí fun deixando atrás a arquitectura e atopei na danza, na somática e no Contact Improvisación novas formas de explorar o movemento, a percepción e a relación con outras persoas.

Na China cocreei The Feathers Project xunto a Bojun Hu e Emily Wong, un proxecto interdisciplinario que reunía danza, instalacións artísticas e prácticas somáticas. Tamén participei en propostas escénicas presentadas no Wuzhen Theater Festival, no Yinchuan Theater Festival e no Beijing Minsheng Art Museum.

Realicei programas de afondamento en Contact Improvisación en Espacio FCI e Earthdance, e formeime en Masaxe Tradicional Chinesa e Shiatsu. Actualmente estudo danza contemporánea na escola de Carmen Senra. A miña práctica tamén se nutre da Capoeira Angola e da meditación Vipassana.

Entre 2020 e 2025 codirixín CuerpoColectivo xunto a María Cantero, unha plataforma de investigación en danza, somática e artes escénicas. En 2020 tamén iniciei Espacio A Rigueira e BRINCA, Galicia Contact Festival, dous proxectos cos que sigo impulsando o intercambio artístico e a creación de comunidade na Galicia rural.

A terapia manual achega ao meu traballo en danza coñecementos de anatomía e biomecánica, así como unha atención especial ás calidades do toque. Nas miñas clases preparo o corpo e a atención para investigar o movemento a través de pautas de improvisación e do uso de imaxes.

Desde Queering CI, a proposta que desenvolvo actualmente en Madrid, traballo con preguntas e textos para observar como o xénero e outros eixes de poder atravesan a nosa maneira de ocupar o espazo e relacionarnos. Desde unha perspectiva queer e transfeminista, convido cada grupo a imaxinar novas formas de movernos e estar xuntes, ao tempo que procuro ampliar a participación e a visibilidade de corpos e identidades disidentes dentro do Contact Improvisación.

Actualmente imparto clases e obradoiros de Contact Improvisación en Madrid e en encontros internacionais, principalmente na China, nos Estados Unidos, en Portugal e en España.

Saima Tebini durante unha práctica de Contact Improvisación

Saima Tebini Marcos

O Contact Improvisación chegou á miña vida como unha práctica desde a que seguir facéndome preguntas, como «que outras formas de estar xuntes podemos imaxinar?». Interésame ese espazo que aparece cando deixamos de saber exactamente que vai pasar e nos damos tempo para descubrilo. É un espazo, ás veces, utópico, pero facémolo real por un tempo e o que acontece transfórmanos.

Ver bio completa

Desde 2004 dedícome ás artes do movemento e á improvisación. Desde os 14 anos ata os 23 fun bailarina de bailes de salón de competición internacional, formando parte da WDSF (World DanceSport Federation), e adestrando e vivindo en Italia durante varios anos no Pala Danze, Centro Deportivo de Danza, en Molinella.

En 2014 volvín a España e entrei na RESAD (Madrid), onde me graduei en Interpretación, na especialidade de Teatro do Xesto, en 2018. Ese último ano estudeino na HAMU Academy of Performing Arts de Praga, onde desenvolvín o meu proxecto de fin de carreira, Libres, unha peza de teatro físico sobre Emma Goldman e a emancipación da muller, a través da expresión corporal e do Método Schinca.

Durante eses anos actuei e colaborei como actriz de teatro físico con diferentes artistas e directores.

Mentres o activismo foi gañando cada vez máis presenza na miña vida, as artes escénicas interesábanme máis nas rúas ca nos teatros. Formeime así en Teatro Social con La Rueda, en Madrid, e creamos un proxecto comunitario en Ceuta e Tánxer con mulleres e nenes. Atravesada pola miña propia experiencia, en 2019 comecei unha formación de tres anos en Psicoterapia Gestalt con perspectiva feminista.

En 2021 comecei a afondar no CI en Madrid, na escola de FCI, e desde entón continuei estudando e practicando de maneira regular en diferentes eventos e encontros. O CI converteuse nunha parte relevante da miña vida e, a través desta práctica, viaxei a diferentes cidades e países, achegándome a distintas culturas, formas de conectar coa natureza e maneiras de relacionarnos cos nosos corpos.

Neste percorrido, algunhas das persoas que máis influíron na miña práctica foron Linda Bufali, Yaniv Mintzer, Kirstie Simson, Anya Cloud, Sasha Dodo, Dolores Dewhurst-Marks, Kira Kirsch e Ray Chung.

Desde 2023 organizo e facilito eventos e clases de CI e actualmente colaboro con diferentes proxectos internacionais. Ao mesmo tempo creei CI Retreat Galicia: retiros de Contact Improvisación na natureza con profesorado convidado. Desde entón tamén participei en diferentes colaboracións internacionais.

En Galicia interésame especialmente xerar espazos onde a práctica poida convivir coa natureza, a vida rural e a construción de comunidade. Este segue sendo o meu desexo.

Actualmente interésanme os programas de longa duración, onde se poida dar o tempo para o afondamento e a integración da práctica como escola da vida. Investigo como crear espazos onde poidamos baixar o ritmo, corregularnos, escoitar o que acontece e recuperar a capacidade de xogar, improvisar, confiar, conectar e estar presentes a través de prácticas somáticas e da investigación do noso propio corpo en movemento.

07 · A quen vai dirixida

Espazo de práctica coidado e respectuoso

Esta formación está dirixida a persoas que xa coñecen o Contact Improvisación e queren afondar na súa práctica, así como a persoas con experiencia en danza, prácticas somáticas ou outras disciplinas de movemento. Tamén a quen ensina CI ou quere achegarse á súa pedagoxía.

Non buscamos un nivel técnico nin un tipo de corpo determinado: traballamos de forma progresiva, respectando a diversidade, a autonomía e os límites de cada persoa.

Entendemos o Contact como unha práctica corporal, relacional e política. Desde unha perspectiva queer e transfeminista, cuestionamos os roles de xénero, o binarismo e as xerarquías, e cultivamos un espazo de práctica coidado, respectuoso e libre de discriminación.

A formación está pensada como un proceso completo de sete módulos, aínda que as persoas con experiencia poderán participar en módulos independentes cando haxa prazas dispoñibles.

Dúas persoas compartindo peso e apoio no chan durante unha práctica de Contact Improvisación
08 · Inscricións

Reserva a túa praza ou pide información por WhatsApp ou por teléfono

A inscrición en cada módulo inclúe 9 horas de formación, aloxamento a noite do sábado, xantar e cea do sábado e almorzo do domingo.

Módulo solto
180 €

Pagamento por módulo