
Ilda Freire
O meu traballo móvese entre o Contact Improvisación, a investigación do movemento e a terapia manual. Interésanme especialmente as calidades do toque, a escoita e as posibilidades creativas que aparecen cando nos relacionamos a través do corpo. Atopo no Contact Improvisación un espazo onde explorar como nos comunicamos, como tomamos decisións e que podemos descubrir cando nos movemos xuntes.
Ver bio completa
En 2014 mudeime a Pequín, onde vivín durante seis anos. Foi unha etapa de descubrimento e transformación durante a que fun deixando atrás a arquitectura para dedicarme á danza, á somática e ao Contact Improvisación.
Durante eses anos cocreei The Feathers Project xunto a Bojun Hu e Emily Wong, un proxecto interdisciplinario no que explorabamos o encontro entre danza, instalacións artísticas e prácticas somáticas. Tamén participei en diferentes creacións escénicas presentadas no Wuzhen Theater Festival, no Yinchuan Theater Festival e no Beijing Minsheng Art Museum.
A miña comprensión do Contact Improvisación foise forxando a través de festivais e obradoiros con numerosas docentes, así como de programas de formación continuada en Espacio FCI e Earthdance. Tamén me formei en Masaxe Tradicional Chinesa e Shiatsu, e actualmente curso o Plan de Formación Profesional en danza e creación fundado por Carmen Senra. A Capoeira Angola e a meditación Vipassana son outras dúas prácticas que acompañaron e enriqueceron o meu percorrido.
En 2020 cocreei, xunto a María Cantero, CuerpoColectivo, unha plataforma de investigación en danza, somática e artes escénicas. Ese mesmo ano puxemos en marcha Espacio A Rigueira e BRINCA – Galicia Contact Festival, dous proxectos que codiriximos durante catro edicións e a través dos cales continúo impulsando o intercambio artístico e a creación de comunidade na Galicia rural.
A terapia manual influíu profundamente na miña maneira de achegarme ao movemento e ao contacto. Máis alá dos coñecementos de anatomía e biomecánica, ensinoume a prestar atención ao que sucede a través do toque, a escoitar coas mans e a recoñecer as distintas formas en que un corpo pode responder a outro. Esta sensibilidade atravesa tamén a miña maneira de ensinar. Nas miñas clases busco xerar espazos de confianza, libres de discriminación e xuízo, onde preparar o corpo e a atención para a improvisación. Gústame traballar con imaxes e propostas que esperten a curiosidade e nos permitan investigar, descubrir e desenvolver a nosa propia danza.
Interésame tamén a dimensión política do que sucede entre os corpos. O contacto nunca ocorre á marxe das nosas experiencias, identidades e relacións de poder. Desde Queer-in CI, unha proposta que desenvolvo actualmente en Madrid, utilizo preguntas e textos para investigar como o xénero e outros eixes de poder atravesan a nosa maneira de ocupar o espazo, tocar e relacionarnos. Desde unha perspectiva queer e transfeminista, busco cuestionar algunhas das dinámicas que damos por sentadas, imaxinar outras formas de estar xuntes e contribuír a unha maior participación e visibilidade de corpos e identidades disidentes dentro do Contact Improvisación.
Actualmente imparto clases e obradoiros de Contact Improvisación en Madrid e en encontros internacionais, principalmente na China, nos Estados Unidos, en Portugal e en España.
